BOIRO> A Garda Civil de Boiro tivo que actuar este sábado nun incidente nun piso da avenida de Barraña en Boiro, no que dous homes permaneceron atrincheirados durante máis de seis horas, despois de que un deles agredira supostamente a súa noiva.
Finalmente e, despois dun proceso de negociación cos propios axentes do Instituto Armado, os dous mozos desistiron da súa actitude e deixaron de xeito voluntario a vivenda.
Un deles, o presunto agresor, foi detido, mentres que o outro, ó parecer, seu irmán, quedou en liberdade, ó non existir indicios da súa participación nos feitos.
O altercado parece ser que foi de madrugada, durante unha festa que se estaba celebrando no piso e que derivou na presunta agresión.
Foi a Garda Civil a que actuou de oficio polos indicios cos que contaba despois de detelo como presunto autor dun delito de violencia de xénero.
A moza presentaba varias feridas das que tivo que ser atendida no centro de saúde.