Danos en embarcacións, árbores caídas e moita chuvia: así foi o paso de Miguel polas Rías Baixas

AROUSA> O calendario di que estamos a 6 de xuño, pero esta é a estampa coa que nos atopamos hoxe na nosa contorna. É o paso da borrasca explosiva Miguel. O temporal deixa intensas precipitacións e sobre todo moito vento, tal como amosan estas imaxes tomadas esta mañá en Cambados por un equipo de Canal Rías Baixas.

Na comarca de Caldas, en concreto no concello de Cuntis, o refacho máximo acadou os 126 quilómetros por hora. En terra, está activa unha alerta laranxa nas provincias da Coruña e Pontevedra. Nestas últimas horas da xornada, o vento rolará do suroeste a noroeste e volverá soprar con forza. Os avisos exténdense, de feito, ata as 12 da noite.

Ante esta situación, foron varias as localidades que viron condicionadas a súa actividade cotiá. En Vilagarcía, por exemplo, o Concello decidiu manter pechadas instalacións deportivas durante toda a xornada, para evitar problemas tamén durante os desprazamentos.

Na capital arousá rexistrouse algunha que outra incidencia, de escasa consideración: desprendemento de pólas no Preguntoiro e a caída dun cartel publicitario en Xoan Carlos I e dun cadro eléctrico en Rosalía de Castro, son os sucesos máis destacados.

Noutro punto do Salnés, Miguel deixa outra imaxe destacada: os fortes refachos acabaron por emborcar embarcación no porto de Sanxenxo.

Do outro lado da ría, Miguel tamén deixou un regueiro de incidencias nas comarcas do barbanza, muros e noia, ainda que a maioria delas pouco destacables. Contendores tirados e caída de pólas son os feitos máis destacables. Na estrada de Boiro a Noia, a caída dunha árbore obrigou a intervir ós Bombeiros, xa que impedía a circulación. Tamén se produciu unha caída de cascallos nun edificio da Avenida das Carolinas, en Ribeira.