Pobra estrea un auditorio alternativo

    POBRA> O concello chegou a un acordo co propietario do restaurante O Lagar que permitirá ó concello poder empregar estas instalacións mentres se desenvolven as obras de rehabilitación do cine Elma. O alcalde, Isaac Maceiras, xunto ós edís de Cultura e Servizos, Encarnación González e Andrés Millán, respectivamente, achegáronse esta mañá ata as instalacións do antigo restaurante O Lagar, para comprobar o resultado dos traballos realizados nos últimos días no seu interior, a cargo da brigada de obras municipal, para acondicionalo coma auditorio. O local presenta un aspecto inmellorable, cun gran escenario, vestiarios e un gran aforo para unhas 200 persoas. O concello pobrense agradeceu ó propietario do local, Santiago Pouso, as facilidades dadas á hora de alugar as instalacións que nun primeiro momento será anual, mentres se desenvolvan as obras de rehabilitación do cine Elma, aínda que o acordo podería prolongarse. Precisamente o executivo pobrense fai un chamamento ós veciños a acudir este próximo sábado ata estas instalacións, co gallo da súa inauguración. Para a que está prevista dúas actuacións, a da rondalla Os Bohemios de Ferrol e da Banda Militar do terzo Norte da Brilat.