Millán Mon sitúa a Cañete como valedor dos intereses da pesca en Galicia

    POBRA> O candidato do PPdeG ao Parlamento Europeo, Francisco Millán Mon, destacou nun mitin celebrado esta fin de semana na Pobra que os intereses pesqueiros de Galicia necesitan dun experto na materia como é o cabeza de lista do PP, Miguel Arias Cañete, para defendelos en Europa. No acto tamén participaron o secretario xeral do partido, Alfonso Rueda, o secretario xeral do PP provincial, Diego Calvo, e o alcalde, Isaac Maceiras. Na súa intervención, Millán Mon detívose na reforma da Política Pesqueira Común e nos esforzos efectuados esta ultima lexislatura europea polos eurodeputados do PP, para modificar unha proposta que era negativa para os intereses pesqueiros españois e galegos. Por outra banda, o candidato tamén fixo fincapé en cómo se conseguiu un novo acordo pesqueiro con Marrocos, grazas ao labor coordinado do Goberno español e dos eurodeputados do PP. Neste senso, subliñou que a nova regulamentación do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca era positiva para España e para Galicia, e, en especial, tamén para a frota artesanal. Ademais, o candidato popular ve fundamental nesta próxima lexislatura europea estar moi atentos á regulamentación sobre descartes, un tema clave. Tamén á negociación dos novos acordos pesqueiros con terceiros países, entre eles, á negociación con Mauritania. Finalmente, o candidato pediu que o 25 de maio os galegos vaian votar xa que o Parlamento Europeo, dixo,ten cada vez máis importancia e os intereses de Galicia necesitan eurodeputados que os sigan defendendo en Bruxelas. Así, reiterou que esa opción é a do PP, e a de Arias Cañete, un magnífico defensor dos intereses da pesca galega.