A POBRA> A Pobra acolleu o segundo Foro Atlántico Empresarial. A xornada, organizada por Solo Empresarial do Atlántico, tiña coma finalidade abordar a situación actual e os retos de futuro nos parques empresarias de Galicia. Ademais da xerente da SEA, Beatriz Sestayo, o acto contou coa presenza do alcalde, José Carlos Vidal, e a subdelegada do Goberno en Galicia, María Rivas.
O teatro-cine Elma foi o lugar escollido para a celebración do segundo Foro Atlántico Empresarial organizado Solo Empresarial do Atlántico, entidade que xestiona boa parte dos polígonos industrias que existen en Galicia. Na xornada tomaron parte empresarios, técnicos e representantes de distintas administracións públicas que puxeron en común a situación actual dos parques empresariais, pero tamén os retos de futuro. Os temas abordados foron do máis diverso, dende a aplicación da intelixencia artificial ás empresas ata as posibles solucións á actual demanda de solo industrial, pasando polos novos retos da enerxía ou a internacionalización das compañías.
No acto tamén participou o alcalde da Pobra, José Carlos Vidal, que destacou a importancia destas xornadas para o intercambio de experiencias entre tódolos sectores implicados. Aproveitou tamén a ocasión para seguir incidindo na necesidade de dotar ó municipio de máis chan industrial, debido á alta demanda existente.