Detido tras provocar un incendio no inmoble no que durmían dúas mulleres

A POBRA> A Garda Civil investiga as circunstancias que rodearon o incendio acontecido a pasada noite nun baixo no lugar da Mirandela, na Pobra. Todo apunta a que foi intencionado. O presunto autor xa foi detido.

As alarmas saltaban preto da pasada medianoite. A propietaria desta vivenda da Mirandela, que reside na primeira planta, foi quen avisou ó 112 ó decatarse de que o baixo estaba ardendo. Alí vivían dous inquilinos. O presunto autor do incendio que xa foi detido e outra muller que se atopaba na cama e tivo que ser evacuada ó hospital afectada pola inhalación de fume.

Ata o lugar desprazáronse efectivos dos parques de bombeiros de Boiro e Ribeira que atoparon varios focos repartidos para provocar o lume así como diversas bombonas de butano distribuídas polo baixo. Á espera de que a Garda Civil conclúa a investigación, a propietaria da vivenda ten claro que a intención do home era acabar coa vida das dúas mulleres. Non era a primeira vez que a ameazaba polo que xa tiña alertado tanto á policía local como a servizos sociais, que xa tiñan aberto un expediente.

Con respecto á outra muller, que permanece no hospital aínda que fóra de perigo, algúns veciños indicaron que mantiña unha relación sentimental co presunto autor dos feitos polo que se investiga tamén se podería tratarse dun caso de violencia de xénero.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí