Ribeira levanta as recomendacións de non bañarse nos areais de Coroso e A Corna

RIBEIRA> O Concello levantou a recomendación realizada o pasado luns pola tarde de non bañarse nas praias de Coroso e A Corna por un episodio de contaminación microbiolóxica.

O executivo local tomou esta decisión tras recibir o correspondente informe da Xunta ó resultar favorable a última analítica realizada nestes dous areais.

O equipo de goberno quixo saír ó paso tamén das críticas vertidas polo PP a raíz deste episodio, que acusaba ó goberno municipal de falla de transparencia, ó fundamentar a súa decisión de desaconsellar o baño nestes dous areais en base a unha análise de Sanidade do pasado mércores, cando, segundo eles, existía outro informe posterior, en concreto, do domingo, que xa daba niveis aceptables,  polo que non suporían risco algún para os bañistas.

Algo que negan dende o goberno municipal.

O goberno tripartito mostrou ademais informes anteriores dos que hai constancia no Rexistro do Concello con episodios similares en praias coma a do Prado en Corrubedo en 2019, na do Porto en 2021 e na de Castro-Catía en 2022, entre outras, dos que o goberno anterior non informou, a pesar de ser, segundo eles,  de parámetros de contaminación moi superiores ós detectados agora.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí