A Semana Santa de Porto do Son estreará un paso infantil

    PORTO DO SON> A capela da Atalaia acolleu a presentación dos actos da Semana Santa de Porto do Son. Ademais das citas habituais, o programa inclúe diversas novidades como un paso infantil ou a incorporación de mulleres costaleiras na procesión das Dores. A Semana Santa sonense arranca este venres cunha misa na honra dos cofrades falecidos e a posterior procesión da Virxe das Dores. Esta cita incluirá como principal novidade a presenza de mulleres como porteadoras da imaxe. O domingo de Ramos conmemorarase a entrada triunfal de Xesús en Xerusalén e a bendición de palmas a partir das dez e media da mañá na praza de España. O martes día 11 terá lugar a procesión do Vía Crucis ás dez da noite. O Ecce Homo sairá o Xoves Santo. Rematada a procesión terá lugar a Hora Santa na igrexa parroquial ás once da noite.O venres santo a praza de España acollerá a escenificación do Santo Encontro a partir das once da mañá. Pola tarde terá lugar a cerimonia do Desencravo e traslado do corpo de Xesús cara o sepulcro coa procesión do Santo Enterro. Xa á noite, a partir das once, sairá a Virxe da Soedade. Os actos máis solemnes darán paso ó xúbilo do Domingo de Resurrección coa procesión de Xesús Glorioso que partirá ás dez e media da mañá da capela da Atalaia ata a praza de España. Este amplo programa de celebracións é posible grazas ó traballo da Cofradía da paixón do Noso Señor e de numerosos colaboradores tal e como quixo agradecer o alcalde de Porto do Son. Luís Oujo tivo un emotivo recordo para o anterior párroco Don José, que ata a súa morte, foi o mellor valedor da Semana Santa. Durante a presentación dos actos douse a coñecer tamén o libro da Semana Santa. Nesta edición recolle unha reseña sobre a figura de Roque Yáñez, escrita polo cronista Manuel Mariño. Este sonense, nacido en 1735, colaborou economicamente na construción de varios retablos e imaxes que hoxe acolle a capela.