A Xunta garante a viabilidade das autovías do Salnés e Barbanza

GALICIA> A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas está a estudar as fórmulas máis axeitadas para garantir a viabilidade das concesións das autovías do Salnés e Barbanza, blindando os intereses públicos e o respecto á legalidade. Hernández explicou que a intención da Xunta é manter en servizo e libres de peaxe as autovías do Salnés e do Barbanza, co menor custo e tratando de evitar a responsabilidade patrimonial da Administración que obrigaría a desembolsar uns 127 millóns de euros para o rescate destas dúas autovías. Agustín Hernández sinalou que o Goberno galego está a encarar un problema puntual, cunhas circunstancias moi concretas e vai tratar de resolvelo da mellor forma posible para os intereses públicos e con absoluto respecto á legalidade. Trátase de buscar unha solución que permita a viabilidade da concesión, en ningún caso de incrementar a súa rendibilidade. A colaboración público- privada para a creación de infraestruturas viarias permitiulle a Galicia adiantar en varios anos a dispoñibilidade de importantes infraestruturas e completar un sistema viario de altas prestacións na maior parte do territorio. Equilibrio financeiro Nas autovías do Salnés e Barbanza deuse progresiva insuficiencia para atender ao financiamento da débeda por parte das concesionarias. Por outra banda, no transcurso da sesión Hernández asegurou tamén que a Xunta está a realizar un importante esforzo para implantar vantaxes nas autovías da súa titularidade, con descontos para usuarios habituais e conxelación de subas no último ano. En Galicia, no caso de autovías con peaxe en sombra na actualidade existen 5 concesións autonómicas: Salnés, Barbanza, Santiago-Brión, Celanova e Dozón-Ourense. Para elas, tense consignado no orzamento de 2014 algo máis de 59 millóns de euros. Hernández precisou que “a Xunta nin incrementa as peaxes, nin entrega axudas públicas sen a debida xustificación e conforme á normativa de aplicación”.