A hostalería galega dividirase en dous niveis de restricións en función das medidas que tomen nos locais

GALICIA> Unha hostalería en dous niveis de restricións en función das medidas que tomen os establecementos en materia de seguridade sanitaria. E só os máis esixentes poderán recuperar o consumo en barra. Este é o novo protocolo que se terá que cumprir a partires do 15 de setembro. O presidente da Xunta explicou que se trata dun documento consensuado co sector e que separa as restricións da hostalería do nivel epidemiolóxico no que se atope o seu concello.

A partires do día 15 de setembro o sector hostaleiro galego terá que axustarse a unha nova norma. A Xunta vén de aprobar a proposta do comité clínico, que aposta por diferenciar os locais en dous niveis.

Os establecementos situaranse en dous niveis de restricións. En función das medidas que apliquen fronte á covid19, terán máis ou menos capacidade. No nivel 1 será do 50% no interior e do 75% en terraza.

Os de nivel 2 poderán recuperar as barras. Estes locais son os que cumpren con requisitos superiores, e poderán abrir co interior ao 75% e a terraza ao 100%.

Nos dous niveis o horario de peche mantense na 1 da madrugada. Ademais, a Xunta establece un terceiro nivel, o de seguridade, que se aplicará en casos extraordinarios.

Dende o goberno autonómico defenden que o novo documento é froito das conversas mantidas co sector durante o verán.  E que toman estas medidas dada a mellora da situación.

A intención é traballar agora na redacción dun novo protocolo para o ocio nocturno, que entrará en vigor en outubro.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí