Aumentan as emprendedoras co fin de conciliaren mellor

GALICIA> A Federación Galega de Xóvenes Empresarios aglutina ás seis Asociacións de Jóvenes empresarios de Galicia ás que acoden centos de empresarios ou persoas que pretenden emprender o seu negocio na procura dos primeiros consellos e asesoramento. A día de hoxe son 900 os autónomos que forman parte deste colectivo.

Unha das primeiras necesidades ca que se atopa cada empresario en cernes é a formación; precisa saber como e onde procurar os primeiros permisos e licencias; adaptarse ás necesidades do mercado e coñecer as últimas tecnoloxías e normativas que lle afecten. É aquí onde a FEGAXE fai fincapé no aspecto formativo dos novos empresarios. Malia a ter unha boa idea e os coñecementos dabondo para póla en marcha, sempre é mester financiamento. A Federación Galega de Xóvenes Empresarios preocúpase por informar ós socios dos posibles apoios financeiros privados. Amais, tamén informan desde as AJEs de Galicia das axudas que hai en Galicia para o emprendemento desde as distintas administracións autonómicas. De feito, nestes últimos tempos desde a Xunta de Galicia estase a dar un importante pulo económico ó autoemprego feminino. E é que a muller vaise incorporando paseniñamente ó mercado laboral en tódolos ámbitos, especialmente nestes tempos de dificultade económica. Un dos principais problemas cos que se atopa á muller á hora de acceder ou continuar no mercado laboral por conta propia ou allea é a conciliación da súa vida familiar ca laboral. Esta é pois a gran tarefa pendente para que as féminas academos a igualdade de oportunidade no traballo. É máis, moitas mulleres optan por establecerse pola súa conta co fin de poder flexibilizar, que non minguar, o seu horario laboral para conseguir a conciliación. Con todo, a aventura do emprendemento é unha boa opción para homes e mulleres, que tendo unha idea de negocio queiran poñela en práctica xerando así unha nova fonte de ingresos para eles, e para os seus posibles empregados.

{flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2014/10outubro/21/aje.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2014/10outubro/21/repor_fogaxe.mp4{/flowplayer}