Ribeira contratará vinte operarios para a limpeza de praias

    RIBEIRA> O concello de Ribeira iniciou o proceso selectivo para a contratación de vinte peóns co obxecto de prestar durante dous meses o servizo de limpeza de praias e contornos. Os aspirantes deberán acreditar ser persoas desempregadas durante un período mínimo de doce meses como requisito indispensable tanto no momento da selección como no da formación do contrato. Esta iniciativa forma parte dun plan de emprego no que se contempla a contratación de máis de cen persoas. Ós vinte peóns para a limpeza de praias e contornos, súmanse outros procesos impulsados recentemente para este verán, como os que atinxen a trinta e nove socorristas, tres técnicos para as oficinas de turismo, dezauxiliares de Policía Local e catro carpinteiros, ao que hai que engadir tamén os sete efectivos que integrarán dende xullo o Grupo de Emerxencias Municipal Polo que respecta ao servizo de limpeza de praias e contornos, trátase dunha contratación subvencionada pola Deputación Provincial, baixo a modalidade de duración determinada por obra e servizo. Os contratos serán a tempo parcial de 20 horas semanais, en horario que se distribuirá segundo as necesidades de organización. O proceso selectivo terá lugar mediante o procedemento de concurso de méritos e entrevista. No primeiro dos apartados, puntuarase, entre outros, conceptos tales como a experiencia profesional, a participación do alumnos en cursos e seminarios de formación e capacitación profesional ou pertencer a un colectivo con especiais dificultades de inserción laboral (mulleres vítimas de violencia de xénero, menores de 30 anos demandantes de primeiro emprego ou maiores de 45 en paro, persoas con discapacitade ou persoas que esgotaron as prestacións e subsidios por desemprego. As persoas interesadas poden presentar as súas solicitudes, xunto co resto da documentación requirida, no Rexistro Xeral do Concello, lugar onde están dispoñibles os correspondentes modelos de instancia. Tamén poden descargar copia da instancia e as bases de contratación na páxina web municipal www.riveira.es. O prazo para presentarse é de sete días hábiles.