Lousame oferta un curso de agricultura ecolóxica

    LOUSAME> O concello de Lousame desenvolverá un obradoiro de agricultura ecolóxica, unha iniciativa totalmente gratuíta e dirixida ós veciños do municipio. O curso terá lugar en horario de tarde, do 16 de xuño ó 30 de xuño. A participación é totalmente de balde, se ben é preciso anotarse previamente nos Servizos Sociais do Concello. O prazo rematará o próximo 13 de xuño. O obradoiro inclúe unhas bases teóricas combinadas cunhas prácticas de campo, onde os alumnos e alumnas poderán desenvolver os traballos comúns nunha horta ecolóxica. Para iso, aprenderán os fundamentos da agroecoloxía, do solo agrícola e da fertilización, así como a controlar as pragas e as enfermidades dun xeito biolóxico. Así mesmo, os mestres do obradoiro ofrecerán nocións básicas de produción gandeira ecolóxica, explicarán as vías para conseguir a viabilidade dunha explotación ecolóxica e falarán sobre o manexo e a rotación dos cultivos hortícolas. A acción formativa está subvencionada pola Deputación Provincial da Coruña.