Dez mozos galegos debateron en Estrasburgo os retos da UE

A CORUÑA> O centro europeo dependente da Deputación da Coruña, Europe Direct, xunto con outras tres entidades: a Universidade da Coruña, o concello coruñés e a Fundación Galicia Europa seleccionaron a dez persoas de entre 18 e 30 anos para participar este ano no programa EYE 2014 (European Youth Event) que tivo lugar en maio na sede de Estrasburgo. Mozos e organizadores, entre os que estaba a vicepresidenta da Deputación, Mariel Padín, presentaron as conclusións desta viaxe que tiña por obxectivo debater acerca dos problemas da Unión Europea e buscar posibles solucións. En concreto, os principais temas de debate durante o evento foron o desemprego xuvenil, a revolución dixital, o futuro da Unión Europea e os seus valores e a sustentabilidade ambiental. Neste sentido a portavoz da entidade provincial e responsable da área de Cultura, Educación, Deporte e Mocidade destacou a importancia deste tipo de programas porque lles permitiu ós máis novos coñecer de primeira man os órganos de decisión da UE. En total, máis de 5.000 persoas procedentes dos 28 países da UE participaron neste programa, no que a maior representación foi para Alemaña con 965 mozos, un 19% dos participantes. España, pola súa banda, cos seus 231 rapaces, representou o 4% da xuventude da UE. Ademais, tamén participaron novos de países non comunitarios e incluso doutros continentes. Con esta iniciativa os participantes puideron coñecer o Parlamento Europeo de primeira man e reunirse con responsables políticos e empresas. Ademais, todos os grupos participantes tiveron a oportunidade de crear unha obra de arte para a UE. No caso dos dez rapaces galegos crearon ‘Europe’s Journey’, unha alegoría da viaxe que viviu a UE dende os seus inicios en 1952. A obra, que será exposta no futuro museo do Parlamento Europeo con sede en Bruxelas, mostra unha maleta antiga que evoca as orixes. No exterior o protagonista é un reloxo que sinala o 9 e o 5, en alusión ao 9 de maio, Día de Europa, mentres que no interior unha escaleira ascendente representa o camiño irregular seguido ao longo destes anos dende as fronteiras da vella Europa ata o que pretenden que sexa o gran hotel europeo, con espazo para todas as culturas.