Noia despide o entroido co tradicional desfile do Rali París-Dakar

NOIA> As rúas de Noia viviron o pasado venres pola noite o tradicional desfile de entroido París Dakar, que fora suspendido unha semana antes por mor do mal tempo.

Este concurso, no que se deron cita os máis orixinais e variados disfraces, pechou o entroido noiés cunha gran afluencia, non só de participantes senón tamén de público en xeral que non quixo perderse nada do espectáculo.

En xogo, no concurso uns oito mil euros en premios, a repartir entre individuais, parellas, comparsas e grupos.

Aínda que foi moi difícil, dado o alto nivel dos disfraces participantes, o xurado distinguiu como mellor grupo a ‘Los Infieles’ que se levou os dous mil euros do primeiro premio.

A Asociación Cultural Recreativa e Deportiva de Laraño con ‘Fantasía A Ruliña’ fíxose co primeiro premio na categoría de comparsa; mentres que ‘Os Deuses do Xeo’ e ‘Godzilla’ conseguían os primeiros postos nas categorías de parellas e individual, respectivamente.

Pero a festa non rematou aí, e despois do concurso houbo música a cargo da Disco Móbil Chocolate.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí