GALICIA> O plan do polbo 2014-2015 incorpora como nova medida de control a identificación das caceas de nasas cun chip que permitirá o control automático da cacea e dos precintos das nasas asociadas por parte do servizo de Gardacostas. Na próxima campaña, ó igual que os precintos, estes dispositivos serán proporcionados de xeito gratuíto pola Consellería do Medio Rural e do Mar. Outra das novidades do plan de xestión da próxima campaña é que ten carácter experimental para poder dar cumprimento os acordos acadados o pasado ano entre a Consellería e o sector relativos a revisión do número de nasas máximas permitidas. Deste xeito, explicou, modifícanse o número máximo de nasas permitido por segmento de frota con respecto ao establecido no Decreto polo que se regulan as artes, aparellos, equipos e técnicas permitidos para a extracción profesional dos recursos mariños vivos en augas de Galicia. De acordo co proposto polos representantes do sector, o número de nasas máximo permitido varía en función da zona xeográfica, de tal xeito que se establecen tres zonas: dende a Guarda ata a Punta da Sal en Carballo, dende a Punta da Sal ata a Illa San Vicente e dende a Illa San Vicente ata o Eo. Ademais o plan da campaña 2014-2015 mantén as medidas novidosas xa adoptadas no plan anterior, coma os precintos, os topes de captura, os horarios de inicio e fin da actividade ou os topes nas especies acompañantes.
Inicio Galicia
Comments are closed.