A mostra “Galaicos: un pobo entre dous mundos” regresa ao Museo de Pontevedra

PONTEVEDRA> Tras ser visitada por máis de 32.000 persoas, a mostra “Galaicos: un pobo entre dous mundos” está xa de volta no Museo de Pontevedra. Esta exposición pretende poñer en valor o patrimonio arqueolóxico da nosa terra, ao mesmo tempo que rende homenaxe á Sociedade Arqueolóxica de Pontevedra. Unha entidade que cumpre 125 anos dende a súa fundación. A mostra estará dispoñible no Sexto Edificio ata o 2 de febreiro.

“Galaicos: un pobo entre dous mundos” está de volta en Pontevedra. Tras o seu paso por Madrid e Valencia, esta exposición está xa dispoñible no Sexto Edificio do Museo. Unha mostra que pretende dar a coñecer a historia de Galicia no período comprendido entre o crepúsculo da Idade de Bronce e o século VI, así como mostrar o nexo de unión entre dous mundos: o Atlántico e o Mediterráneo.

“Galaicos” é ademais unha volta ao pasado. A exposición está articulada en 5 ámbitos cronolóxicos e a través de máis de 60 pezas mostrase todo o que o noso territorio aportou ao resto do mundo.

No acto de inauguración desta mostra, o director do Museo de Pontevedra quixo poñer en valor a arqueoloxía. Un dos principais activos para a promoción turística das Rías Baixas.

A exposición “Galaicos: un pobo entre dous mundos” estará dispoñible no Museo de Pontevedra ata o 2 de febreiro. Neste período e arredor desta mostra, a Deputación levará a cabo diferentes actividades: dende visitas guiadas, ata conferencias, recreacións históricas e xornadas gastronómicas.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí