O Galo de Curral, delicatessen a saborear en Vila de Cruces

SALNÉS> O municipio pontevedrés prepárase para celebrar a súa XXI Festa do Galo de Curral cunha programación musical do máis completa para os próximos 14 e 15 de xuño. Baixo a batuta do presentador de televisión Xosé Manuel Piñeiro e coa banda sonora do cantautor Manoele de Felisa, autoridades e organizadores da Festa do Galo de Curral de Vila de Cruces tomaron a Aula Gastrocultural da Praza de Abastos de Santiago para presentar o patrimonio gastronómico deste pequeno municipio pontevedrés. O buque insignia, o galo de curral, que converteu a esta localidade en referente na crianza dunha ave prezada nos máis selectos restaurantes españois e que xa se exporta a mercados internacionais como Suiza. O segredo, a súa alimentación natural durante nove meses nun entorno ó aire libre. Os que asistiron a esta presentación xa o puideron saborear en empanada, como prato principal, acompañado de outras delicatessen elaboradas no municipio como biscoitos, chourizos ou viños da Denominación de Orixe Rías Baixas. Para os que non queiran perder este manxar, os días 14 e 15 deste mes teñen a oportunidade de degustalo na vixésimo primeira edición da Festa do Galo de Curral. O encontro serviu tamén como plataforma para expresar as demandas do sector. De feito dous criadores da zona expuxeron a necesidade de abrir o matadoiro de galos e impulsar a comercialización deste produto único. A 21 edición da Festa do Galo de Curral, de Interese Turístico Galego, comezará o sábado 14 de xuño cunha gala musical ás nove da noite no Auditorio Municipal. O domingo será o día grande, con degustación, concentración de coches antigos, pasarrúas e o Festival de Bandas de Galicia a partir das cinco da tarde. {flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2014/06xuno/06/galoviladecruces.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2014/06xuno/06/FESTA_GALO_CURRAL_VILADECRUCES.mp4 {/flowplayer}