A militancia socialista ratifica a Manuel Maneiro como candidato á alcaldía

    BOIRO> O patrón maior da Pobra en funcións, será finalmente o candidato do PSOE á alcaldía de Boiro. Esta decisión fíxose oficial tras ser apoiado case por unanimidade polos militantes do partido. Tan só un deles, acabado de chegar a Boiro, se abstivo.

    Segundo as palabras do responsable local do PSOE boirense, a chegada de Maneiro impulsa as ganas de traballar no seno socialista para cambiar a traxectoria que está collendo a vila desde a chegada de Xoán Xosé Dieste á alcaldía. Manuel Maneiro aproveitou a súa presentación oficial, para explicar os principais obxectivos que perseguirá se logra facerse coa alcaldía nos comicios municipais do próximo ano. O primordial, ós seus ollos, é a transparencia antes, durante e despois dun hipotético goberno. O candidato socialista analizou a situación actual de Boiro, e propuxo solucións a problemas e carencias que actualmente ten a vila, como a lastra do paro, o turismo ou problemas coa rede de saneamento que repercuten no medioambiente. Diversas cuestións que se relacionan entre elas. Para promover o emprego, unha das ideas que propón Maneiro é construír naves, por parte do concello, e alugalas a empresas que xeren postos de traballo. Puntualizou que no polígono industrial hai moitas parcelas dispoñibles para tal fin. Mostrou a necesidade tamén, de fomentar a escola de hostalaría e o viveiro de empresas da vila, agora practicamente sen uso. E outra das necesidades que propón o novo candidato é a de conservar o patrimonio boirense.