AMBAR enche de arte a praza do concello

    RIBEIRA> Esta actividade está enmarcada no Xuño Cultural. Durante toda a xornada matinal os artistas traballaron baixo a mirada de veciños e veciñas.

    Desde primeira hora da mañá, a praza do Concello de Ribeira lucía as pinturas e deseños dos usuarios da asociación AMBAR, unha entidade que busca a integración social das persoas con calquera tipo de discapacidade. Xunto a estes traballos, estaba unha decena de artistas que seguía espremendo as súas capacidades plásticas, amenizada por un fantástico e soleado día. Unha das súas monitoras contounos como están a vivir, todos eles, esta experiencia. A actividade forma parte do Xuño Cultural do Concello e ten o obxectivo de dar a coñecer o traballo que se desenvolve no obradoiro de artes plásticas dentro desta entidade ribeirense. Outra das finalidades é que os usuarios interactuen coa sociedade. Os máis pequenos colleron pinturas e mergulláronse no taller para compartir esta vivencia. Foi a primeira vez que AMBAR sacou a súa arte ás rúas, tras 10 meses de traballo dentro da aula, pero o visto o éxito de hoxe non descartan unha repetición semellante ou inclusive unha exposición máis duradeira.