MEIS> Aínda que non o pareza, estamos en plena Semana Santa. Un ano calquera esta sería época de vacacións, procesións e, por suposto, das escenificacións dos momentos da Paixón, Morte e Resurrección de Cristo que sempre fan os veciños de Paradela, en Meis. Este 2020, a alerta sanitaria polo coronavirus volve mudar os nosos costumes e todo foi cancelado. Pero non se preocupen, porque haberá representacións. Desta volta, a través das redes sociais.
Sempre se dixo: a fe move montañas. Tanto que nin a pandemia do coronavirus será suficiente para que os veciños de Paradela, en Meis, queden sen Semana Santa.
O primeiro dos vídeos foi o do Domingo de Ramos, pero xa adiantan que non faltarán a ningunha das citas da Semana Santa. Ademais, serán fieis aos textos orixinais, botando man de recursos de anos anteriores para as escenas máis complicadas.
As redes sociais farán o resto. Os vídeos subiranse aos diferentes perfís da Semana Santa de Paradela para coarse en todos os fogares.
Grazas ás novas tecnoloxías, esta Semana Santa de Paradela será a máis global feita ata o momento. Eles aseguran que saen aos improvisados escenarios con máis forza ca nunca.