Recepción oficial no concello ó Club Artrogal-TRI 498

RIBEIRA> O alcalde, Manuel Ruíz, e o edil de Deportes, Juan Luís Martínez, recibiron este mediodía no concello ós integrantes dunha nova entidade deportiva de recente creación no municipio: o club Artrogal-TRI 498. A pesar de ser un equipo cun curto percorrido, vén de proclamarse hai varias semanas nas Pontes, campión por equipos en categoría masculina do NorthWest Triman, o primeiro triatlón distancia ironman que se celebra en Galicia. Durante a recepción o rexedor destacou a evolución que en materia deportiva ten experimentado este municipio, pasando de contar case unicamente con equipos de fútbol a dispoñer, na actualidade, dun amplísimo abano de especialidades deportivas, nalgunhas das cales teñen a sorte de contar con campións nacionais, continentais e mesmo do mundo. Por parte do club Artrogal-TRI 498, o seu presidente, José Riveiro, quixo agradecer tamén a colaboración do concello, tan necesaria, segundo el, nos inicios de calquera proxecto deportivo.