O Concurso Mundial de Bruxelas premia 33 viños galegos

PONTEVEDRA> Cincuenta e seis adegas españolas recibiron este luns en Pontevedra os premios obtidos na última edición do Concurso Mundial de Bruxelas. Un evento internacional que por primeira vez aterra en Galicia como antesala do Concurso dos Viños Atlánticos que se estreará no 2015 en Rías Baixas. Entre os premiados, trinta e tres elaboracións galegas que se repartiron sete medallas de ouro e 26 de prata. Os gañadores do último certame do Concurso Mundial de Bruxelas déronse cita esta semana en Pontevedra para recoller os premios concedidos polo xurado. Un tribunal de altura composto por profesionais de recoñecido prestixio internacional, desde catadores a enólogos, pasando por xornalistas especializados, sumilleres, ou prescriptores. Eles decidiron salientar a 56 adegas españolas coas medallas gran ouro, ouro e prata. Delas, trinta e tres foron para elaboracións galegas. En concreto sete de ouro, entre as que atopamos os Rías Baixas Albanta Albariño 2013 e Altos de Torona Blanco 2013, de Adegas e Viñedos de Altura, ou o Lagar de Costa Blanco 2013 de Dolores Fontán Limeres. Os demais galardóns, vinteséis, foron medallas de prata. O Albariño Bouza do Rei 2013, o Doelas Blanco de Dolores Fontán LImeres ou Etra Albariño de Adegas Eidosela foron algunhas das marcas de Rías Baixas destacadas con este distintivo, xunto o Albariños Maior de Mendoza 2012, Mar de Frades 2013, o Paco&Lola 2013, Pazo de Señoráns, Pazo Villarei Albariño 2013, o Pazo Torrado de Adegas Asorey ou as elaboracións de Señorío de Rubiós Albariño 2012 e Condado do Tea Blanco 2013. A entrega destes premios internacionais en Pontevedra serve como quentamento para o primeiro Concurso dos Viños Atlánticos que nacerá en Rías Baixas o próximo ano. Un certame co que a Deputación de Pontevedra pretende captar fondos europeos cos que potenciar un proxecto de consolidación dos viños e da dieta atlántica para promovelos a nivel mundial. A idea é amosar que en Rías Baixas e na zona Atlántica en xeral se producen viños dunha elevadísima calidade e que existen máis marcas e Denominacións de Orixe en España que Rioja, Ribera do Duero ou Castela A Mancha. {flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2014/07xullo/08/premiosmundialvinobruxelas.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2014/07xullo/08/PREMIOS_MUNDIAL_VINO_BRUXELAS.mp4{/flowplayer}