Pontevedra berra contra o acoso escolar e esixe que se apliquen os protocolos que protexan ás vítimas

PONTEVEDRA> Pontevedra acolleu este mediodía unha das concentracións convocadas en toda Galicia contra o acoso escolar. Unha mobilización que responde á vaga de actos en recordo de Sandra Peña, a nena que se suicidou en Sevilla tras sufrir acoso escolar. Ela foi recordada hoxe na convocatoria pontevedresa, á que asistiron un cento de estudantes, moitos deles acompañados polas súas nais e pais. Algúns recoñeceron que sufriron, ou están a sufrir, bullying nos seus centros escolares. Todos xuntos reclamaron máis concienciación e máis medios para detectar e frear estes casos.

Pontevedra recordou hoxe a Sandra Peña, a nena que se suicidou en Sevilla tras sufrir acoso escolar. O seu caso foi o motor da concentración que se celebrou este mediodía.

Hoxe era xornada de mobilizacións en toda Galicia convocadas polo Sindicato de Estudantes. Pontevedra quedara inicialmente fóra deste circuíto pero Rosa María Granero decidiu impulsar esta concentración.

Un cento de estudantes, algúns deles acompañados polas súas nais e pais, atenderon a este chamado. Dende a Praza de España, reclamaron máis concienciación e máis recursos para loitar contra o acoso escolar.

Para moitos dos asistentes, o caso de Sandra Peña foi un impulso para denunciar as súas propias vivencias.

Outro caso é o de Antía, unha moza de quince anos que asistiu á mobilización co seu pai. Contou a súa vivencia como vítima de bullying en dous centros de Cambados.

O Sindicato de Estudantes acompañará estas mobilizacións cunha campaña en todos os centros de Galicia para evitar que as denuncias por acoso caian en saco roto.