Sete detidos, entre eles un menor, pola vaga de roubos en Noia

NOIA> A Garda Civil acúsaos de alomenos trinta e tres roubos cometidos na zona de Noia e Negreira.

A alarma social creada na zona de Noia e comarca a consecuencia da vaga de roubos existente nas últimas semanas puxo en alerta á Garda Civil. As investigacións levadas a cabo polo equipo de Policía Xudicial deron como resultado a detención de sete persoas, todas elas pertencentes a unha mesma familia, entre as que se atopa tamén un menor. Acúsaselles de ser os presuntos autores dun total de trinta e tres feitos delitivos, entre roubos con forza e violencia ou furtos. Nos rexistros realizados no seus domicilios, catro en Noia e un en Negreira, os axentes puideron recuperar tamén  boa parte dos obxectos que os relacionaban cos roubos. Esta mañá pasaban a disposición xudicial no Xulgado Número 2 de Noia e o menor foi enviado a un centro tutelado. A Garda Civil non descarta novas detencións relacionadas con este caso no marco da denominada operación ‘Manitas’.