As confrarías de Rianxo e Cabo desmárcanse da postura da Federación no conflito da mexilla

RIANXO> Malestar no seo das confrarías de Cabo de Cruz e Rianxo tralo comunicado emitido pola Federación Galega en relación co conflito entre percebeiros e bateeiros. Os patróns maiores de ámbolos dous pósitos din non sentirse representados pola postura da entidade, á que acusa de contribuír a xerar tensións internas entre os socios.

O comunicado conxunto emitido pola Federación Galega de Confrarías e as tres provinciais critica duramente ó sector bateeiro por ter convocado unha manifestación para este sábado esixindo a dimisión da Conselleira do Mar. Lonxe de sentirse representados pola postura da entidade que agrupa tódolos pósitos, os patróns maiores de Cabo de Cruz e Rianxo saíron hoxe en defensa dos seus asociados.

Acusan á federación de adoptar unha postura de xeito unilateral sen ter convocado a unha xuntanza ás confrarías contribuíndo así a xerar un clima de enorme tensión no seo de confrarías que, como as súas, teñen unha ampla representación do sector bateeiro.

Os dous patróns maiores xa adiantaron a súa intención de remitir escritos á federación galega e á provincial pedindo explicacións sobre os motivos que lle levaron a posicionarse no conflito en lugar de defender os intereses de tódolos sectores.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí