A Xunta mellorará as estacións de autobuses da Pobra, Noia e Padrón

    BARBANZA> A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas vén de adxudicar por máis de 29 mil euros, diversas obras de mellora das instalacións, da accesibilidade e dos sistemas de información en varias estacións de autobuses da provincia da Coruña, entre as que se atopan as da Pobra do Caramiñal, Padrón e Noia. A actuación, cuxas obras comezarán xa na segunda quincena deste mes, está enmarcada no Plan Renove de estacións de autobuses para os anos 2013- 2016, que consta dun orzamento de máis de 4,2 millóns de euros. No caso da estación pobrense realizaranse actuacións para a mellora da accesibilidade mediante o pintado de prazas de aparcadoiros e eliminaranse varios chanzos na entrada á cafetería. Tamén se repararán os bancos dos andéns, o pavimento de formigón no patio de manobras dos autobuses e os aseos. Na estación de Noia tamén se efectuará o pintado de prazas e a colocación de sinais. Ademais substituirase a rampla existente na entrada á estación por outra adaptada con varanda e levarase a cabo a reposición de beirarrúas no acceso á cafetería.