{flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2014/07xullo/11/crime_3.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2014/07xullo/11/sentencia_crime_guillan.mp4{/flowplayer}
PONTEVEDRA> O acusado polo fraticidio de Guillán xa está en liberdade. Tralo xuízo celebrado esta semana na Audiencia Provincial de Pontevedra, Santiago Gómez ven de ser posto en liberdade esta noite, logo de que a pena imposta fose inferior ós dous anos de prisión provisional que estaba cumprindo. A familia de seu irmán finado xa anunciou que pensa recorrer o caso. Santiago Gómez Lorenzo é xa un home libre: esta noite foi posto en liberdade logo de que o xuíz da Sección Segunda da Audiencia Provincial de Pontevedra decretase a súa inmediata posta en liberdade. Logo de catro xornadas intensas de xuízo, e tras doce horas de deliberación, o xurado popular determinou que era responsable dun homicidio por imprudencia. Unha cualificación do crime trala que o fiscal solicitou unha condena de once meses de prisión, a acusación particular pediu o máximo nestes casos; un ano; manténdose a defensa na solicitude de libre absolución. O xurado tivo en conta as atenuantes de lexítima defensa incompleta; ó entender que Santiago disparou a seu irmán Alfonso nun pé sendo preso dun medo insuperable tralas continuas ameazas de morte deste. Amais, entenden que os feitos daquel 19 de setembro de 2012 se produciron tras ser ameazado o enxuiciado por seu irmán bébedo e armado cunha navalla. A maiores foron tidas en conta as atenuantes de arrebato, confesión e reparación do dano causado; aínda que tamén sinalaron que Santiago podía ter actuado doutro xeito: dando un culatazo ca escopeta no canto de executar ó disparo ás pernas que acabou sendo letal. A finais de setembro cumpriríanse dous anos de estancia en prisión preventiva do acusado; razón pola cal a súa saída da cadea foi inminente. A avogado da defensa lamenta esta longa estadía no cárcere; un tempo agora irrecuperable para o seu defendido. Pola contra, a acusación particular, sufragada pola viúva e orfas de Alfonso, xa anunciou a súa intención de recorrer o caso ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.