As festas da comarca atraerán a miles de visitantes

    BARBANZA/MUROS/NOIA> Espérase unha fin de semana chea de actividades e ofertas lúdicas.

    As festas, na honra a Santa Mariña, de Esteiro xa arrincaron esta mañá con alboradas e pasarrúas. Non obstante, todos esperan ansiosos as famosas carrilanas que fan 27 anos nesta ocasión. Mañá ás 12 haberá unha exposición delas na Alameda, e para velas en marcha teremos que esperar ó domingo. A partir das 19:00 sairán as dos nenos, ás 19:30 as lentas e ás 20:00 será a quenda das máis rápidas. Ó concluír haberá entrega de trofeos e degustación de produtos do mar e da terra, amenizadas por actuacións musicais. Cabe destacar que esta festa está declarada de interese turístico. Precisamente, esa catalogación reclámaa o Partido Popular de Noia para a Festa Medieval, que tamén celebra a súa 27 edición esta fin de semana. Esta celebración foise consolidando, ano tras ano, ata ser de referencia dentro da comarca e da provincia. Desde esta tarde xa hai distribuídos polo casco antigo máis de 150 postos, de artesanía e alimentación entre outras, e a ocupación hoteleira xa está ó completo para goce dos hostaleiros noieses. Protagonistas serán a música, o teatro e a cultura rueira que nos farán viaxar ó pasado ata o próximo domingo. Máis tempo durará a festa da Dorna de Ribeira, que comezou hoxe e concluirá o día 24 cos concertos de Ollomol e Os Diplomáticos de Montealto. As rúas ribeirenses tinguiranse de cores estes días con tantas e tantas camisetas de multitude de peñas. Entre as novidades destaca a Ruta Estrelas Mijelín de Tapas, que comeza mañá as 12 do mediodía, e na cal poderemos degustar unhas elaboradas tapas dorneiras entre os bares participantes. Haberá música de rúa e estarán os esperados Kilomberos para animar á troula. Pola tarde haberá numerosos xogos e deportes populares, e pola noite un novo certame itinerante de Canción de Tasca. Na xornada do domingo destaca o Gran Prix de Carrilanas que se vai facer no malecón. Como puideron ver, hai oferta festiva para tódolos gustos e tódalas idades.

    {flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2014/07xullo/18/previofestas1807141.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2014/07xullo/18/previofestas180714.mp4{/flowplayer}