O Percebe de Aguiño contará con numerosas novidades

    RIBEIRA> A cita, que se desenvolverá a fin de semana do 26 e 27 de xullo, volverá a estar organizada polo concello de Ribeira. Os edís de Comercio, Anxo Orellán, e de Cultura, Elvira Pisos, foron os encargados de debullar esta mañá parte da programación deseñada para a fin de semana do 26 e do 27 de xullo, na que o percebe, volverá a ser o protagonista. O concello, que por segundo ano, leva as rendas da organización desta cita gastronómica, decidiu introducir nesta edición importantes novidades, co fin de que a festa siga espertando o interese que se merece . Unha delas será precisamente a ampliación a dúas xornadas. Así o sábado instalarase unha tapería na que os visitantes poderán degustar todo tipo de produtos. Aproveitarase ese día tamén para proceder á inauguración dunha gran escultura de sete metros de altura, en forma de agulla, que servirá de homenaxe ás redeiras e que estará emprazado na zona portuaria. Outra das novidades será a realización dun acto de investidura dos percebeiros de honra. Galardón que este ano recaerá na conselleria do Medio Rural e do mar, Rosa Quintana, o experto en turismo, Domenec Biosca, e a propia Confraría de Pescadores de Aguiño, verdadeira impulsora desta cita gastronómica. Xa na xornada do domingo desenvolverase a tradicional degustación do produto. Dende o concello fan unha chamada a acudir a esta festa. Outra das novidades será a convocatoria dun concurso entre os artistas da comarca para a realización dunha escultura en homenaxe ó percebe. O proxecto gañador obterá a contratación da obra, asumindo o concello un importe para a súa execución de ata 18 mil euros.