Cambados rescindirá o contrato ca concesionaria da piscina

    CAMBADOS> O Concello de Cambados dá por segura a rescisión do contrato da actual adxudicataria da piscina municipal. O impago ós traballadores é para o consistorio motivo dabondo para quitarlle a concesión, aínda que para iso é mester cumprir os prazos legais estipulados.

    O Concello de Cambados asegura estar a facer todo o posible no tema da piscina municipal tras coñecer que os empregados da mesma non están a cobrar o seu soldo. Segundo asegurou o Alcalde, Luís Aragunde, este é motivo dabondo para cancelar a concesión, pero para iso hai que esgotar os prazos que marca a lei. Aragunde asegura que a empresa que xestiona a piscina incumpre por tanto o prego de condicións pola que lle foi adxudicada. Con todo, ten dereito a presentar alegacións, como de feito xa fixo. O Alcalde asegura que este é un tema prioritario para o goberno local. A súa idea é cancelar a concesión e, ó día seguinte de que se faga efectiva, poñer outra empresa no sitio que xestione momentaneamente as instalacións namentres outras empresas non se presenten a concurso; mediante un procedemento negociado sen publicidade. O Concello intentará que os traballadores cobren xa desde este momento de transición, posto que entenden que o seu traballo está a ser o axeitado e eles non teñen a culpa dos problemas económicos que sufre a empresa. O que si se nega o Concello cambadés é a asumir directamente a xestión da piscina, nin sequera de xeito provisional.

    {flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2014/07xullo/24/piscina.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2014/07xullo/24/situacion_piscina_cambados.mp4{/flowplayer}

    DEIXAR UNHA RESPOSTA

    Por favor, engade un comentario!
    Por favor, engade o teu nome aquí