RIANXO> O conselleiro de Cultura, Xesús Vázquez Abad, asistiu á presentación do volume. O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, participou en Rianxo na presentación do libro ‘Primeiro Retorno de Castelao’. Trátase dunha obra póstuma do escritor local Manuel Dourado Deira. O volume, prologado pola consellería de Cultura, narra un dos capítulos máis intensos da recuperación da figura de Castelao en Galicia: a viaxe clandestina que fai a Rianxo en 1975 o busto de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao doado polo Padroado de Cultura Galega de Montevideo, en tempos da ditadura, e que hoxe pode verse no Paseo da Ribeira. Na súa intervención o titular de Cultura destacou a figura de Dourado Deira, segundo el un mestre exemplar, dinamizador cultural de referencia e gran valedor da familia Castelao. No salón de plenos da casa consitorial rianxeira déronse cita, ademais de familiares e amigos do escritor falecido no 2012, o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, o editor, Rafael Janeiro; e o prologuista, Xosé María Monterroso. A presentación forma parte tamén da programación da Feira do Libro que dende hoxe ata o vindeiro domingo se celebrará na vila rianxeira, na que se inclúe unha gran oferta de actividades para tódolos gustos e idades.
Inicio Barbanza - Muros - Noia