A confraría de Cabo enfróntase a unha débeda de 100.000 euros

    BOIRO> A actual directiva da confraría de Cabo de Cruz ven de reclamar axuda da consellería do Medio Rural e do Mar para facer fronte á débeda do anterior equipo de goberno.

    A nova dirección do pósito, encabezada por Raquel Souto, leva apenas unha semana analizando a actual situación da confraría de Cabo de Cruz, desde a súa toma de posesión. Nun primeiro momento puideron comprobar que a entidade arrastra unha débeda que ronda os 100.000 euros, cifra que podería aumentar cando se concreten os estudios máis detallados. O colectivo xa se reuniu con representantes da consellería, capitaneada por Rosa Quintana, co fin de buscar unha solución que rexenere a crítica situación da entidade. Moitos dos traballadores levan meses sen percibir o seu salario e solicítanlle á Xunta de Galicia que interveña para facer fronte ós pagos. Desde Cabo transmitíronlle tamén á consellería a precaria situación dos bancos de marisqueo, por non sementar cando era necesario rexenerar o terreo. Debido a isto caeu a facturación en máis do 50% do ano 2012 ó 2013. Outra das medidas que reclaman, é reforzar o control policial para disuadir ós furtivos, cren na necesidade de continuar cas vixilancias entre os integrantes da confraría. Este encontro ca consellería foi o primeiro da nova dirección, pero xa hai previstas máis reunións, para tratar a actual situación da entidade, ben co concello de Boiro así como ca subdelegación do Goberno.