A POBRA> A Conselleira de Medio Ambiente visitaba esta mañá a EDAR da Pobra para coñecer o sistema de dixitalización, xa implantado en 27 das 28 depuradoras que xestiona Augas de Galicia. Ángeles Vázquez anunciou a convocatoria dun concurso para incorporar tamén este sistema ás estacións de tratamento de auga.
O Diario Oficial de Galicia vén de publicar a convocatoria dun concurso dotadacon cinco millóns e medio de euros para que os concellos de menos de 20 mil habitantes poidan implantar o sistema de dixitalización nas ETAPs.
Tras implantar este sistema en 27 das 28 EDAR dependentes de Augas de Galicia para garantir a excelencia na calidade das augas, a Xunta busca agora facer o mesmo co abastecemento creando unha rede autonómica de estacións dixitais para facer un seguimento continuo dos sistemas de abastecemento.
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático lembrou que a aposta da Xunta pola dixitalización das infraestruturas do ciclo da auga busca garantir a prestación duns servizos eficaces e eficientes optimizando o uso da auga e preservando a súa calidade en tempo real.











