Máis de douscentos inscritos para a travesía a nado ‘Praia de Coroso’

RIBEIRA> A proba, que terá lugar este próximo sábado ás dez da mañá, está organizada poo Club Natación Riberia e a Federación Galega de Natación. Este próximo sábado disputarase a XXI Travesía a Nado Praia de Coroso, proba organizada polo Club Natación Ribeira e a Federación Galega de Natación divididos en seis categorías. A proba dará comezo a partir das dez da mañá coa saída da proba longa, 2.500 metros, que será ademais puntuable para o Circuíto Galego de Augas Abertas, e posteriormente sairán o resto de categorías, que completarán un percorrido duns 1250 metros de lonxitude. Entre os principais favoritos na categoría masculina figuran tres nadadores do Club Natación Ribeira, como é o caso de Carlos Brión, gañador do circuíto galego o ano pasado, e o seu irmán Iván Brión, así como tamén Manuel Davila. En categoría feminina as favoritas serán Laura Pimentel, do Club Natación Pabellón e Irene González do Club Natación Coruña. Dende a organización fixeron unha mención especial a outra integrante do equipo, como é María Vilas, que este ano non poderá participar na proba, ó estar seleccionada co combinado nacional para tomar parte nos Campionatos de Europa que se desenvolverán a mediados deste mes de agosto en Berlín. Dende o concello destacaron a importancia desta competición, unha das máis senlleiras das que se organizan no concello. A día de hoxe hai inscritas máis de 200 persoas, chegadas dende diferentes puntos da nosa comunidade, así como tamén de Madrid, Asturias, Castela-León e mesmo Portugal.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí