Porto do Son avanza nas súas políticas ambientais cun novo vehículo para a recollida de voluminosos

PORTO DO SON> A delegada territorial da Xunta na Coruña desprazouse ata Porto do Son para coñecer os investimentos realizados con cargo ó Fondo de Compensación Ambiental. O concello destinou os preto de 80 mil euros que lle corresponden á adquisición dun vehículo con grúa para actuacións de protección do medio ambiente.

Mentres que en exercicios anteriores, o concello de Porto do Son destinou o fondo de compensación ambiental a melloras na rede de abastecemento, desta volta investiu preto de 80 mil euros na adquisición deste camión grúa.

Este vehículo mellorará as políticas de protección ambiental posto que permitirá a recollida de residuos voluminosos evitando o seu depósito na vía pública.

A delegada territorial lembrou que na comarca do Barbanza foron dez concellos os que se beneficiaron do fondo de compensación ambiental cun importe global de medio millón de euros que en toda a provincia da Coruña accedeu a 3 millóns de euros.