Cabo faise cun meritorio terceiro posto na Bandeira Concello de Boiro

BOIRO> A vitoria na regata foi para a embarcación de Orio, por diante de Hondarribia, actual líder da Liga ACT-San Miguel. A chuvia e o mal tempo non foron impedimento algún, e numeroso público achegouse onte domingo ata o peirao crucense para presenzar a vixésimo cuarta bandeira de traíñas Concello de Boiro, que se correspondía coa undécima proba da Liga ACT-Sanmiguel. A ocasión ben o merecía, xa que despois de varios anos, a elite do remo volvía a Cabo de Cruz. O gañador da bandeira foi finalmente Orio, cun tempo de 20 minutos e 49 segundos. En segunda posición quedou Hondarribia, que se mantén á fronte da clasificación xeral, e terceiros Cabo de Cruz, que diante da súa afección logrou o mellor posto da tempada. un feito que non pasou desapercibido para os seus veciños, que mesmo de xeito improvisado, agardaron a pé de porto ós remeiros locais e lle tributaron un especial recibimento. A falta de nove xornadas para o remate da Liga San Miguel, Cabo de Cruz, xa ten practicamente asegurada a súa permanencia na categoría. Como meta dos crucenses figura agora manterse na cuarta praza da clasificación xeral, o que significaría superar a súa mellor clasificación na historia desta competición, por diante de embarcacións que as superan en presuposto. A próxima cita da Liga San Miguel será a vindeira fin de semana, coa disputa dun dos clásicos desta competición, a dobre xornada de Zarautz.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí