Os bateeiros sospeitan da longa duración desta marea vermella

    VILAGARCIA> Este novo episodio de marea vermella está a preocupar e moito ó sector mexilloeiro. Malia a estaren acostumados a convivir con estes episodios naturais desta volta podería durar máis da conta e amais chegou no peor dos momentos posibles.

    Os bateeiros das Rías Baixas viron truncada a súa campaña de verán no peor dos momentos: cando o producto tiña as mellores condicións para o seu consumo en fresco e para a súa transformación na industria. Este episodio de toxinas lipofílicas é un máis para estes empresarios. Están acostumados a convivir con eles pero malia a iso este podería prolongarse máis da conta. O sector mexilloeiro agarda que esta marea vermella pase canto antes para que as súas perdas sexan menores; e con elas, as de toda a cadea mar-industria respecto a este producto que se está a ver seriamente afectada. Desde a presidencia da Asociación de Bateeiros de Virxe do Rosario avógase por un consenso no sector para volver ó traballo de xeito escalonado, e aproveitando as conversas, buscar novas fórmulas de combater a afección económica que lle producen estes episodios tóxicos. Uns capítulos cada vez máis repetitivos debido, quizais, ó aumento da temperatura das augas. Estes mexilloeiros non cren que as subvencións da Consellería do Mar, financiadas nun 75 % con cartos do Fondo Europeo de Pesca, sirvan para paliar os efectos das mareas vermellas. As condicións que esixen para optar as mesmas e o farragoso da tramitación fai que non compense solicitalas. Pola súa banda, os depuradores están a ralentizar o seu traballo ó coincidir nos últimos días a extracción de moluscos afectados pola toxina con outros sans. Para optimizar as condicións de salubridade do producto están a investir con fondos propios en análises particulares, a maiores das realizadas polo INTECMAR.

    {flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2014/08agosto/13/bateeiros.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2014/08agosto/13/toxina_bateeiros.mp4{/flowplayer}