O executivo de Ribeira presenta un orzamento próximo ós vinte e tres millóns

RIBEIRA> O alcalde de Ribeira presentou as liñas principais da súa proposta orzamentaria por importe de vinte e dous millóns oitocentos noventa mil euros. Este presuposto chega en maio posto que o goberno decidiu agardar á aprobación dos orzamentos do Estado, O Plan de Obras e Servizos da Deputación e do remanente de tesourería para elaborar unha proposta realista baseada nas cifras definitivas. No capítulo de investimentos, que supera os catro millóns de euros, destaca a partida de máis de catrocentos mil euros para a estación de autobuses ou o pago da primeira anualidade de cento vinte e cinco mil euros para a adquisición da parcela do futuro auditorio. Outra das principais áreas deste orzamento é o gasto social que se incrementa nun sete por cento con especial atención á dependencia. Manuel Ruíz destacou que se mantén o nivel de investimento a pesar da baixada dos ingresos por mor da conxelación de impostos e taxas. As contas propostas polo executivo teñen como resultado un incremento de setecentos mil euros do aforro neto que quedaría nun total de 3 millóns e medio. Pola súa banda, o nivel de endebedamento redúcese ata o 49.66 por cento.