A Ruta do Viño Rías Baixas aproveita a vendima para encher de actividades a D.O.

    CAMBADOS> A Ruta do Viño Rías Baixas continúa co seu propósito de encher o ano con actividades relacionadas co mundo vitivinícola. Co mes de setembro, a asociación estrea a “Ruta da Vendima”, un novo programa que propón dende descensos en kaiak polo Umia ata unha iniciativa para vivir en directo unha xornada de vendima.

     

    Coa chegada do mes de setembro, chega a vendima, e a Ruta do Viño Rías Baixas quere aproveitar a etapa de máis actividade da Denominación de Orixe.

    As propostas estarán englobadas no programa “Ruta da Vendima”, que arrancará o 30 de agosto e prolongarase ata outubro. Unha das novidades é a Xornada da Vendima, durante a que grupos de 10 persoas poderán vivir o proceso na Adega dos Eidos.

    Non faltarán entre as propostas o Bus do Viño, que permitirá en nove fins de semana coñecer ata 26 adegas adscritas á ruta con saídas dende Vigo, Santiago e Pontevedra, o descenso en kaiak dende Pontearnelas a Cambados do 31 de agosto ou o curso práctico de fotografía “Retratando a Vendima”, a cargo de Xurxo Lobato.

    Segundo Acevin, durante o 2013 case 67 mil persoas pasaron por algún dos establecementos adscritos á Ruta do Viño Rías Baixas, un dato que a sitúa como a sexta ruta máis visitada de toda España.

     

    {flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2014/08agosto/20/actividades_ruta_vino_vendima.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2014/08agosto/20/actividades_ruta_vino_vendima.mp4{/flowplayer}