O sector turístico de Sanxenxo perde uns 3 millóns de euros por semana de peche

SANXENXO> Sanxenxo prepárase para afrontar o importante golpe na súa economía que vai supoñer a crise provocada polo coronavirus. Debido ao peso do turismo na localidade, o concello cifra en 38 millóns de euros os cartos que perderán entre os meses de marzo e agosto. As estimacións apuntan a que a localidade perde uns 3 millóns por semana de peche. Os cálculos rebaixarían a cifra ata os 2,1 millóns de euros se se aplica o 30% de aforo, e a 1,5 millóns se é do 50%.

Así as cousas, o sector hostaleiro recibiu con alivio o Plan de Desescalada do Goberno Central que pode salvar alomenos unha parte da tempada. Para afrontar as reducións de aforo que impoñen as medidas previstas polo executivo central nas primeiras fases da saída do confinamento, o goberno local xa anunciou que permitirá ampliar o espazo reservado para as terrazas. Ao igual que noutros concellos será excepcional e aplicarase onde sexa posible, garantindo o paso dos peóns.

Esta medida súmase a outra que xa tomara hai tempo o executivo local, como é a supresión das taxas das terrazas durante todo este ano. Ademais, estudan conceder axudas aos negocios que teñan que facer obras para adaptarse ás medidas de seguridade.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí