Novo golpe ós furtivos na Ría de Arousa

    BARBANZA> O operativo realizado en Rianxo e Cabo de Cruz permitiu identificar a un total de 40 mariscadores ilegais e comisar 192 quilos de ameixa. Seguindo a liña dos operativos realizados nas últimas semanas contra o furtivismo, a Policía Autonómica realizou un control esta pasada madrugada nos areais de Tanxil, en Rianxo, e Barraña, Mañóns e Praia Xardín en Boiro. Durante as catro ou cinco horas nas que os axentes desenvolveron o operativo, aproveitando a baixamar, foron identificados un total de corenta persoas as que se lle realizou a correspondente denuncia administrativa por marisqueo ilegal. Ademais conseguiron comisar uns 192 quilos de marisco, na súa maior parte ameixa, que foi devolto ó mar.