A Pobra dará a benvida á tempada estival cunha choqueirada de verán

A POBRA> A Pobra recupera a Choqueirada de Verán para dar a benvida á tempada estival. Animación de rúa, concertos e sobre todo disfraces encherán a vila o sábado 29 nunha gran festa para tódalas idades.

A colaboración entre as concellerías de Cultura e Mocidade da Pobra permitiu sacar adiante unha proposta lúdica para tódolos públicos. A Choqueira de Verán que se desenvolverá o sábado 29 de xuño encherá de música e disfraces o cento da vila. Comezará coa animación da charanga Castrexos por diversas rúas na sesión vermú mentres que pola tarde será o grupo Leite con Jalletas o encargado de animar a festa cun concerto na praza de Maura.

Dende o concello animan á veciñanza a participar desta xornada festiva na que tan só é preciso disfrazarse e gozar das numerosas actividades programadas.

Tras recuperar esta actividade, que xa se desenvolvía hai anos na Pobra, a intención do concello é darlle continuidade cun oco na programación cultural do verán.