A chuvia obriga a suspender ata o domingo o feirón mariñeiro

    RIANXO> O mal tempo existente durante boa parte da semana está afectar considerablemente ás celebracións das Festas da Guadalupe de Rianxo, cancelando ou aprazando moitas das actividades programadas. Esta foi precisamente unha das razóns que obrigou á suspensión do tradicional feirón mariñeiro, previsto para a xornada de hoxe. A través dun comunicado a Asociación ‘A Moreniña’, entidade organizadora dos festexos, informou de que a actividade será aprazada ó próximo domingo, no mesmo horario. Día no que tamén está prevista a actuación da orquestra Aché, que non puido actuar por mor da chuvia na noite do pasado mércores. Aínda que a decisión tomada non foi do gusto de todos, xa que moitos veciños non viron con bos ollos a cancelación, dende a Asociación A Moreniña piden comprensión, animando á participación de todos nesta xornada para o próximo domingo. As previsións apuntan a unha lixeira melloría de cara a fin de semana, o que propiciará o bo desenvolvemento dun dos días máis intensos destes festexos, no que milleiros de persoas se congregarán ás dúas da madrugada na praza de Castelao para cantar a Rianxeira á luz das bengalas.