O pósito pobrense insiste na necesidade de aperturar o peirao comercial

POBRA> Segundo eles sería a única solución para facilitar a circulación das correntes mariñas e mellorar así a produtividade dos seus principais bancos marisqueiros: Raposiños e Areal. Non lle valen as declaracións do presidente de Portos de Galicia nas que afirmaba que esta actuación non melloraría de xeito inmediato a a súa situación. A xunta xeral da Confraría de Pescadores da Pobra saíu hoxe ó paso das declaracións realizadas hai uns días polo presidente de Portos de Galicia, José Juan Durán, nas que afirmaba que a apertura das canles no porto comercial non conlevaría unha mellora inmediata na produtividade dos bancos marisqueiros. Segundo o patrón maior, Xoán Miguel Iglesias, o ente autonómico continúa coa súa pasividade ante este proxecto, a pesar de ser unha solicitude reiterada do pósito dende hai máis de vinte anos. Botando man dunha fotografía da zona portuaria dos anos 80 existente na Confraría, aludiu á merma considerable sufrida nestes anos polo pósito no número de zonas produtivas nas que poder traballar, a consecuencia da construción dos recheos e a ampliación do peirao comercial, sen que por parte da Administración existise unha compensación. Dende o pósito pobrense aseguran que seguirán loitando pola apertura do peirao de cara a solucionar un problema que lles está a causar un grave prexuízo ás economías de tódolos mariscadores.