BOIRO> Despois de varios anos sen celebrarse por mor da pandemia, a Escola de Fútbol Municipal de Boiro volverá a organizar o XIV Torneo de Fútbol Base Abanqueiro SD – Trofeo Concello de Boiro para categorías: biberón, prebenxamín, benxamín e alevín.
No torneo está prevista a participación de máis de cen equipos chegados dende diferentes clubs de toda Galicia.
O campionato terá lugar no estadio municipal de Vista Alegre durante as dúas próximas fins de semana. Nesta primeira disputarase a fase previa, e na seguinte as finais.
O Concello colabora tamén con esta iniciativa, unha das citas deportivas de referencia de cantas se organizan no municipio.
Tanto o alcalde, Xosé Ramón Romero, como a edil de Deportes, Dores Torrado, destacaron tamén o retorno que ten para o comercio e a hostalería.
Dende a organización do torneo agradeceron a implicación do Concello, así como tamén coas distintas empresas e casas comerciais que colaboran co evento, xa que sen a súa axuda sería practicamente imposible celebralo.