Estamos ante os restos da capela de San Sadurniño?

CAMBADOS> Hoxe remataron as prospeccións arqueolóxicas no illote de San Sadurniño, en Cambados. O resultado destes traballos non pode ser mellor: apareceron muros do que podería se-la capela, restos doutra construción, centos de pequenas pezas arqueolóxicas e ata unha moeda que podería ser do século XIII. No concello queren facer xa unha segunda fase de investigacións, coa vista posta en poder recuperar e poñer en valor tódolos vestixios.

Estes muros poderían pertencer á capela de San Sadurniño. É a principal hipótese que barallan os arqueólogos que, con todo, piden non precipitarse á hora de sacar conclusións. Din que é unha opción moi probable, pero que aínda falta moito para poder confirmalo.

Noutra das excavacións tamén apareceron estoutros muros que poderían ser medievais. Tamén deron con centos de pezas arqueolóxicas que agora terán que ser analizadas. Outro dos grandes tesouros atopados é esta moeda. Dunha cara, un castelo, pola outra, o rostro dun rei. Podería ser do século XIII ou XIV.

No Concello celebran os resultados destas excavacións. Agora, confían en poder impulsar unha segunda fase o ano que vén, para poder amplia-las áreas de traballo. O obxectivo, seguir avanzando ata poder desenvolver un proxecto de rehabilitación e posta en valor do espazo.

Os traballos arqueolóxicos estendéronse durante as últimas dúas semanas. De xeito paralelo, organizáronse visitas á excavación. A última, esta mesma tarde. Mañá, todos estes restos quedarán de novo sepultados baixo á terra co obxectivo cumprido: o primeiro paso xa está dado.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí