Elevados prezos na primeira subasta da campaña marisqueira en Noia

    NOIA> A confraría de Pescadores de Noia vén de facilitar os datos, tanto de capturas coma de facturación, durante a primeira xornada de apertura da campaña. En total onte subhastáronse nas dúas lonxas das que dispón a entidade, a do Freixo e Testal, un total de 32 toneladas de marisco que supuxeron ó redor duns 360 mil euros. Aínda que a cantidade de marisco recollido neste primeiro día cae con respecto á do ano anterior, os prezos acompañaron, polo que se superou as cifras de 2013 nuns oitenta mil euros. O berberecho de primeira chegou ata os 19 euros o quilo en Testal mentres que no Freixo situouse nos 15’96. En canto a ameixa fina de primeira o prezo medio en Testal rondou os 51’36 euros e no Freixo os 50’70. Haberá que agardar a ver o que acontece nos próximos días. Aínda así os produtores son conscientes de que será difícil manter as capturas do primeiro día, xa que, a pesar de que se ve moito marisco, a súa talla, non é a aceptable, polo que confían en que se manteñan as cotizacións á alza.