GALICIA> Alberto Núñez Feijóo dimite como presidente da Xunta. Tras 13 anos á fronte do goberno galego, o popular inicia unha nova etapa centrado na política en Madrid. Visiblemente emocionado asegurou que foi un orgullo servir a Galicia, pero que marcha cunha sensación de tristura e satisfacción do deber cumprido. O vindeiro luns comezará o proceso de remuda, co pleno de investidura de Alfonso Rueda, a segunda semana de maio.
A era Feijóo chegou hoxe á súa fin. O popular presentou hoxe a súa dimisión como presidente da Xunta de Galicia.
Alberto Núñez Feijóo foi o quinto presidente da historia democrática de Galicia e o primeiro que renuncia ao cargo. Seguindo o procedemento, primeiro fíxolle entrega da súa dimisión ao presidente do Parlamento Galego. A continuación, xa no Pazo de Raxoi, presidiu unha reunión extraordinaria do Consello da Xunta. Visiblemente emocionado, recoñeceu que marcha cunha sensación de tristura e satisfacción polo deber cumprido.
Indicou que Galicia sempre estará presente nel e que seguirá servíndoa alá onde vaia. Con erros e acertos, os intereses xerais de Galicia, dixo, foron sempre a súa meta. Un camiño feito dende o ano 2009, con moderación e consenso, e coa estabilidade como principio fundamental.
Uns 13 anos nos que sempre tivo ao seu carón ao que será o próximo presidente da Xunta, para o que tamén dedicou unhas palabras.
Unha vez saia publicada a dimisión de Alberto Núñez Feijóo no Boletín Oficial do Estado, el e os seus conselleiros continuarán exercendo en funcións. A vindeira semana o presidente do Parlamento xuntarase cos voceiros do PP, BNG e PSdeG e convocará o pleno para vota-la investidura de Rueda a mediados de maio.