A estratexia de Portos para a náutica recibe loanzas en París

PARÍS> Portos de Galicia regresa do Salón Náutico de París coa sensación do traballo ben feito. O ente autonómico recibiu numerosas valoracións positivas da estratexia que están a seguir nos peiraos da súa titularidade, consolidando unha oferta náutica de primeiro nivel. Máis aínda cando xa están a traballar para pechar o documento básico da nova estratexia 2020-2028.

Portos de Galicia confirmou en primeira persoa o interese que xera a náutica galega. No marco do Salón Náutico de París, o seu stand acolleu numerosos encontros con empresas interesadas na oferta autonómica.

No Salón francés, os representantes de Portos mantiveron contacto directo con usuarios da náutica, interesados en visitar as instalacións galegas. É o caso de Claudio Gallex, un experto navegante de vela clásica de París, que o ano que vén volverá visitar Galicia.

No seu interese por explorar novas posibilidades de negocio, Portos de Galicia mira cara o período de invernada das embarcacións: lugares onde acoller barcos doutros países para que pasen o inverno.

Con todo, o presidente do ente autonómico non oculta a súa satisfacción. José Juan Durán destaca que se trata do froito do traballo entre administración, xestores dos portos e os concellos que apostan pola náutica como elemento dinamizador da actividade económica.

Estas cuestións estarán presentes na planificación de Portos de Galicia de cara ao futuro, recollidas no documento básico para o período 2020-2028.